mércores, 6 de maio de 2020

BO DÍA


COMUNICADO IMPORTANTE
Seguindo as Instrucións do 27 de abril do 2020, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para o desenvolvemento do terceiro trimestre do curso académico 2019/20, nos centros docentes da Comunidade Autónoma de Galicia, queríamos informarvos do seguinte: 
CALENDARIO ESCOLAR: O curso continuará ata o día previsto na Orde do 20 de xuño de 2019 que estabelece o calendario escolar para o curso 2019/2020. Este día é o 19 de xuño polo que o terceiro trimestre levarase a cabo.
ACTIVIDADES: Seguindo as mesmas instrucións, as actividades que se impartirán neste trimestre serán de repaso, reforzo ou ampliación de contidos xa vistos. Coa fin de evitar desigualdades, non se avanzará no temario. Polo tanto, consideramos que non son necesarios os libros de texto na casa xa que as actividades relacionadas cos contidos dados xa están feitas. Nos continuaremos a propoñer traballo que reforzará os contidos vistos na aula. Trátase de  favorecer unha rutina de traballo e o hábito de estudo. Con respecto aos contidos non traballados, queremos transmitir tranquilidade. A final de curso, os titores e titoras realizaremos un informe no que quedará reflexado todo aquelo que non foi visto e que será tido en conta polos futuros mestres e mestras do alumnado á hora de planificar o vindeiro curso.
AVALIACIÓN: Como haberá terceiro trimestre, tamén haberá unha avaliación. Para esta teranse en conta as actividades realizadas no primeiro e segundo trimestre, así como as realizadas a partir da suspensión das actividades lectivas presenciais, que contarán sempre de maneira positiva para o alumnado.
Por iso é importante que nos enviedes o traballo que realizades e que sigamos mantendo o contacto de maneira regular. Como ata o de agora podedes facelo a esta dirección de correo electrónico: terceirotilos@gmail.com. Seguiredes atopando no noso blogue Superpoderes de terceiro as actividades propostas. Estaremos á vosa disposición a través de mensaxe en Abalar ou na aula virtual do centro tamén, pero  a nosa forma de traballar seguirá sendo a mesma, a través do blogue e do correo que vos facilitamos ata o de agora. Calquera dúbida ou problema que teñades á hora de acceder ás actividades, agradecemos que nolo comuniquedes para tratar de poñerlle solución.
As mestras de terceiro

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.