Reto 6

Benvidos ao RETO 6.
Esta semana imos a poñer en marcha unha idea que agardamos vos guste: a nosa propia RADIO ESCOLAR 📻
A radio é un medio de comunicación que se inventou fai máis de 100 anos e que causou moita revolución, xa que as persoas podían escoitar historias contadas ao outro lado do mundo dende a súa casa.
E aínda que a día de hoxe temos moitos medios de comunicación (televisión,teléfono, internet...) as emisoras de radio seguen a funcionar e existe moita xente a que lle apaixona escoitar as noticias ou as transmisións deportivas a través das ondas. Hai quizáis algo de maxia en imaxinar como será o que nos están contando, sen necesidade de estalo vendo, non credes?
Así que agora é o voso turno!
Nesta semana imos crear o noso primeiro programa de radio e estes son os pasos a seguir:
1º. COMO LLE IMOS CHAMAR?
Debemos poñerlle un nome. E debemos participar tod@s! A través deste enlace podedes escoller entre os tres nomes que vos propoñemos: RadioTilos, Tilos na onda e A voz de Terceiro. O máis votado pasará a ser o nome do noso espacio radiofónico.
2º. QUE IMOS CONTAR?
Vós ides crear os contidos e seredes @s protagonistas. A continuación, explicamos as seccións que vai ter o noso primeiro programa:
- Sección de  Hoxe falamos de.... Esta semana, tratará de que facemos cando saimos a rúa durante este confinamento? Como aproveitamos esas horiñas que temos?
- Sección de Medio Ambiente. Esta semana falaremos de como reciclades na casa?
- Sección de Recomendacións. Esta semana podedes recomendarnos xogos para divertirnos na casa, que a vós vos gusten.
Tedes que escoller unha soa destas tres seccións. Pensades o que queredes dicir ( non é necesario que comecedes dicindo o voso nome) e logo gravades un audio. Podedes empregar o sistema que prefirades, e se tedes dúbidas preguntádenos. Serán intervecións curtas, intentando falar amodiño e de xeito claro. Enviádesnos ese audio ao correo e nós trataremos de facer a maxia.
3º. E PODEMOS FACER ADICATORIAS?
Tamén nos pareceu boa idea que no programa houbese un espazo para adicar cancións aos nosos compañeir@s, a alguén da nosa familia,.... Se vos apetece, podedes mandar un audio no que indiquedes:
- o voso nome
- a canción que queredes adicar. Importante! Ten que ser unha canción axeitada a un espazo infantil, cunha liguaxe axeitada. 
- o nome da persoa a quen lla adicades e, se queredes, o por que. 
 Se hai moitas, non as poderemos poñer todas no mesmo programa pero quedarán pendentes para o seguinte. 

Pois agora a traballar! Que ganas de escoitar as vosas voces!😀

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.