sábado, 21 de marzo de 2020

Benvid@s ao blog de 3º de primaria do CEIP Os Tilos. A través deste espazo as mestras trataremos de achegar a escola as vosas casas, con propostas que nos permitan continuar co proceso educativo nestas circunstancias tan excepcionais e sen esquecer que o máis importante é manternos unid@s.


Con este blog pretendemos achegarvos propostas concretas de traballo que nos axuden a afianzar ou ampliar os contidos vistos ata este momento. Na web existen infinidade de recursos fantásticos que vós xa coñecedes e que vos resultan útiles, polo que nós queremos aportar o noso gran de area e, sobre todo, axudar a concretar aqueles que nos parecen máis relacionados e servir como guía.

Con este fin, a organización do blog será a seguinte:

-          RETO SEMANAL. Os resultados do mesmo poñeranse en común ao final da semana, compartindo así os vosos logros.

-          PROPOSTAS DE TRABALLO. Actividades concretas relacionadas con cada materia.

-          MODO RELAX, con actividades de ocio, relaxación,…

-          PÁXINAS DE INTERESE. Direccións web con multitude de recursos.

Todas estas propostas son voluntarias. Somos moi conscientes de que esta situación non resulta doada para os nosos cativos e cativas pero tampouco para as familias, polo que non queremos engadir estrés, pero si axudar a manter a cabeza ocupada. O primeiro é coidarse!

Se vos xorden dúbidas facédenolo saber, esa é a nosa función. Contactade con nós a través do correo terceirotilos@gmail.com. E recordade que o centro seguirá informándovos de calquera novidade relativa a suspensión das actividades lectivas na https://www.edu.xunta.gal/centros/ceipostilos/

Ningún comentario:

Publicar un comentario

Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.